
Como ben indica o título da entrada é só unha posibilidade...Depende de moitas cousas: unha actividade e, sobre todo, unha actividade coma esta nin pode nin pretende ser cousa dun só profesor. En primeiro lugar, a actividade terá que pasar os filtros habituais: ser aprobada polo consello escolar e demais... E, sobre todo, ten que ser do voso interés e ser compatible co bo aproveitamento do curso, que despois de todo é do que se trata. Isto último é moi importante. Ben sei que, sobre todo os de primeiro, xa tedes moitas viaxes (intercambio en Francia, viaxe de fin de curso)...Así que, simplemente, pensádeo e tede a seguridade de que non vai pasar nada se non imos. Como sabedes, o departamento de latín e grego ten previstas outras actividades das que xa tedes noticia e que irei concretando a medida que se vaian confirmando detalles que aínda non o están: visita ao Lugo romano, teatro grecolatino, participación no concurso on-line Odisea...Vaia isto por diante.
A actividade está organizada pola delegación galega da
SEEC. Xa teñen organizado outras viaxes de este tipo e o resultado sempre foi bo. Sei ben que no que deles dependa estaremos "ben acompañados".
Velaquí vai a información da que dispoño polo momento.
DATAS: do 5 ao 12 de marzo. Como falamos e como vexo e podedes ver no "calendario escolar" 0 7, 8 e 9 son as vacacións de entroido, así que só se perderían dous días lectivos (xoves 10 e venres 11). Nese mesmo calendario vexo que a avaliación de segundo de bacharelato é o 2 de marzo e a entrega de notas o 4 de marzo, así que supoño que, en principio, colleríavos coa avaliación rematada. Pola contra, a avaliación de 1º de bacharelato é o 23 de marzo (a entrega de notas o 28). Así que as datas viríanvos peor. Tede en conta estas cousas antes de tomar a vosa decisión.
ITINERARIO: Atenas, Epidauro, Micenas, Tirinto, Olimpia/Meteora, Delfos.
PREZO: Supoño que o gran problema é o do
PREZO; nada máis vos podo dicir polo momento. Pero ao mellor non imos mal encamiñados se nos fixamos no precio da última viaxe a Grecia organizada pola SEEC no 2009 (podedes velo
aquí; xa vos adianto que foran 700 euros); o presuposto da viaxe a Italia no 2010 podedes velo
aquí (foran 690 euros). Así que...ao mellor por aí anda a cousa. Non sei como se lle sentará a crise a isto das viaxes culturais...Como vos dixen, se finalmente decidimos seguir adiante co proxecto, o departamento de latín e grego está disposto a implicarse e COLABORAR (supoño que a estas alturas xa todo o mundo coñecerá o significado de esta palabra que tanto aparece neste blog...) na realización de actividades para tratar de abaratar un pouco o prezo.
Pode ser do voso interese:
- Unha
crónica da viaxe a Italia realizada pola SEEC no ano 2010.
- Unha
crónica da viaxe a Grecia realizada pola SEEC no ano 2009.
Nota bene.- O prazo de preinscrición na actividade vai dende o 18 de outubro ao 15 de novembro. Por outros anos sei que a demanda adoita ser grande e o criterio de aceptación será a orde inscrición. Con todo, tampouco cómpre tomar unha decisión apresurada. Pensádeo, faládeo cos vosos pais...Eu, pola miña parte, tratarei de obter mellor información sobre o prezo e, se a actividade e do voso interese, poreina en coñecemento dos vosos profesores e titores para coñecer tamén a súa opinión.