martes, 17 de noviembre de 2009

DES(ORIENTACIÓNS) PARA OS TRABALLOS

Chic@s, supóñovos xa interesad@s e moi ben informad@s sobre lendas clásicas, mitos galegos, monstr@s e deus@s...

Velaquí van unha serie de recomendacións que espero que vos resulten útiles e contribúan a que os vosos traballos sexan máis correctos.

1.- Por suposto...

Neste medio, como en calquera outro, hai que ter coidado:

- Coa ortografía: de alumnos dun bacharelato de letras espérase que non cometan erros de ortografía. Pero sempre está ben recordalo.

- Coa expresión: separa a túa entrada en párrafos, emprega puntos, comas e puntos e comas...

2.- A difícil arte de citar ben ou a honestidade ante todo.

Supoño que no teu traballo terás que citar unha serie de fontes de todo tipo nas que atopaches información da que ti partes para facer a túa comparación, reflexión, análise... (nun traballo académico, como en calquera actividade humana, ante todo honestidade). Citar correctamente non é doado. Así que imos pouquiño a poquiño (ándase o camiño).

Se citades literalmente un texto, xa sexa dun autor clásico ou dun estudoso moderno, tedes que dicir autor, obra (en cursiva), capítulo (se é o caso) ou versos (se se trata dun poema) e páxinas e a continuación entre comiñas poñedes o texto que desexades citar. Por exemplo:
Na literatura grega as Sereas son seres mitolóxicos, metade muller, metade paxaro, que atraían cos seus cantos aos mariñeiros co fin de que se estrelasen contra os cantís. Así, en Homero, Odisea, XII,pp. 221 podemos ler: "Quen acerca a súa nave sen sabelo e escoita a voz das Sereas xa nunca se verá rodeado da muller e tenros fillos, cheos de delicia porque voltou a casa; pola contra enfeitízano estas co seu sonoro canto sentadas nun prado onde as rodea un gran montón de ósos humanos putrefactos, cubertos de pel seca."

E o mesmo se citades a un autor moderno. Por exemplo:

Parece que non está moi craro o número das Sereas. Grimal, Diccionario de mitología griega y romana, pp.482-483 precisa: "Las sirenas se mencionan por primera vez en la Odisea; en este poema figuran dos. Otras tradiciones posteriores citan cuatro: Teles, Redne, Molpe y Telxíope...".

Outra posibilidade é non citar literalmente senón parafrasear o que di un autor. Por exemplo:

Homero, Odisea, VI, pp.220 conta que as sereas atraían aos mariñeiros e engade a información de que estes seres mitolóxicos vivían nunha illa chea de ósos humanos.

Grimal, Diccionario de mitología griega y romana, pp.482-483 infórmanos da diversidade das fontes antiguas no tocante ó número das Sereas, que nun textos son dúas, noutros tres e nalgúns mesmo poden chegar a ser catro.

Por suposto, non só se admite senón que ademáis recoméndase a consulta de páxinas web, wikis, blogs. Neste caso terás que enlazar os sitios consultados. ¿Cómo se enlaza? É doado. Aquí arriba tedes un simboliño que parece un ¿clip?. Daslle a click, copias a dirección que queres enlazar e voilá.

E ó rematar o traballo tes que presentar unha breve bibliografía. Nunha bibliografía os libros cítanse indicando: autor, obra (lembra: en cursiva), editorial, lugar de publicación e data (¡por este orde!). Exemplo:

Cuba, Xoán R. Reigosa, Antonio, Miranda, Xosé, Enríquez, Lázaro, Diccionario de los seres míticos gallegos, Editorial Xerais, Vigo, 2006.

Gallardo López, María Dolores, Manual de mitología clásica, Ediciones clásicas, Madrid, 1995.

Grimal, Pierre, Diccionario de mitología griega y romana, Editorial Paidós, Barcelona, 1981.

3.- Estrutura do traballo: liberdade ben entendida e sentido do humor.

Polo demáis a estrutura do traballo é libre. Podedes facer primeiro unha breve presentación dos dous mitos que queredes comparar e a partir de aí ir analizando as similitudes e diferencias. Ou comezar xa coa comparación e evitar o relato dos mitos/tradicións... Obviamente, que teñades liberdade para organizar o traballo non significa que se poida resumir en tres liñas; o contrario tampouco é bo pero diso sodes menos sospeitosos. En fin, lo bueno, si breve -pero no excesivamente-, dos veces bueno.

Se de vez en cando se vos escapa unha migalla de orixinalidade ou un lixeiro toque de humor, non vos preocupedes. Non puntuará negativo.

4.- Afortunadamente non estamós sós.

Pois agora a traballar. Esta entrada remata cunha serie de enlaces onde podes ver que compañerios vosos están traballando en temas similares. Podedes botarlle unha ollada para estimularvos e para comprobar que, digan o que digan, somos moitos os que participamos (e disfrutamos) nesta travesía que nos leva ós máis diversos rincóns do mundo clásico. Coidado cos cantos sereas.

- Sobre Escila e Caribdis.

- Sobre as Sereas.

-Sobre Atalanta.

-Sobre as Gorgonas.

-Sobre as Moiras.

- Sobre Deucalión e Pirra.

- Sobre Hércules e a Hidra de Lerna.

!!!!!SORTIÑA E MOITO ÁNIMO¡¡¡¡¡

2 comentarios:

Sandra dijo...

Hola!Non sei como, hoxe acordeime deste blog e acordouseme pasar por aqui que xa fai que non o fago..Abandonaches Curtis!A verdade e que te botamos de menos. Eu este ano non teño grego porque a verdade e que as optativas non me convenceron moito e non puiden escoller todas as que quería pero estou contenta.Non creo que pase segundo pero intentarase. Millán marchou, está na Coruña prerparandose para Garda Civil, ou eso creo, asi que xa ves, normal que o ano pasado fose un pouco lacazán para estudiar,jeje. Bueno, e voume despedindo, espero que che vaia ben nese novo colexio e que te recordamos como a todos os profesores que pasan polas nosas vidas. Un bico e ata logo!

Daniel Lagoa dijo...

¡¡¡Hola, Sandra!!! Non te podes imaxinar a ilusión tan grande que me fai volver a ter noticias de ti. Alédome moito de que finalmente todo rematase ben e xa sexas toda unha alumna de segundo de bacharelato. Estou seguro de que, a pesar do teu acostumado pesimismo (je,je,je...), tamén este ano rematarás o curso sen problema. E, despois, xornalismo...Xa me contarás.
Alédome tamén de que Millán optara por un camiño máis atinado. Era un grandísimo lacazán, pero un tipo encantador. Se o ves algún día, dálle un saudiño da miña parte. Espero que se un día destes o atopo nun control de tráfico ou algo así sexa benévolo con este ex-profe, errante e melancólico.
Dá un pouco de pena saber que xa non es estudante de grego porque eras unha alumna brillante, cunha capacidade sorprendente para aprender vocabulario, materia pendente de profesores e estudantes de grego, ó meu (humilde) xeito de ver. Oxalá que, polo menos, sexa a consecuencia de exercer o teu lexítimo dereito a estudar o que che apeteza...Casos hai de vocacións botadas a perder por decisións administrativas que custa entender.
De todos os xeitos, se tes nostalxia e un día che apetece volver a este mundo -a veces tan denigrado- da cultura grega, este segue sendo O TEU BLOG...¿Anímaste?
Podes escribir unha entradiña sobre algún mito...Andamos agora facendo comparacións entre lendas galegas e mitos clásicos. ¿Ocórreseche algo? ...E, por suposto, estou seguro de que estes clásicos da Mariña agradecerían moito os teus comentarios...
Como xa lerías por aquí, eu agora estou en Burela, na Mariña lucense. A pesar da lonxanía, estou mesuradamente contento e felizmente ocupado porque este ano o destino converteume en profesor de latín E grego.
Prometeo que me acordo con frecuencia de vós e sempre cun sorriso na memoria porque da estancia en Curtis conservo, no que atinxe ós alumnos, un sabor doce.
Saudiños a Laura (díxome un paxariño que volvía tentalo) e, se é posible, a Lucía, Andrea...Tamén ás que agora serán as rapazas/rapaces de 1º de bacharelato de humanidades (Rosalía, Alba, Cris, Damián...).
Espero que teñades, como mínimo, tan bo recordo de min como eu de vós. Non me esquezades: sería un terrible ostracismo. Unha fortísima aperta para todos.